A_esquerda_ante_o_colapso_da_civilización_industrial

InicioContidosAutorPrólogoGrazasReseñasBibliografíaAnexosCitasPresentaciónsContactoConségueo

Esta é unha revisión antiga do documento!


Citas extraídas do libro

Citas en modo texto

Caeron as máscaras, a falsa concordia do Estado do Benestar e da suposta compatibilidade entre democracia e capitalismo, e así é que da metáfora da marea que levanta todos os barcos pasamos a experimentar un tsunami que esnaquiza os máis débiles contra os muros dunha biosfera que se descubre de súbito limitada, mentres os poderosos fuxen en submarino cara a un mundo de dominación postcapitalista que se prepara sobre as ruínas do crecemento exponencial.

O miolo da miña crítica, como a doutros autores que irei citando ao longo do libro, é o feito de a esquerda estar a fallar estrepitosamente na comprensión da natureza e características do intre histórico no que estamos, da Crise Terminal que comezamos a padecer a principios deste século e que vai supor a fin, non só do modelo socio-económico-político capitalista, senón da civilización industrial no seu conxunto.

A base das ferramentas teóricas que empregan maioritariamente as esquerdas non deixa de ser a obra duns autores que xorden precisamente coa aparición da civilización industrial, e que polo tanto deixa de ser aplicable en boa medida co devalar desta. Velaí a raíz do grave problema que pretendo analizar neste ensaio.

A enerxía neta per cápita está directamente vinculada co nivel/calidade de vida, e polo tanto cos obxectivos de mellora material da condición humana que veñen formulando historicamente as esquerdas. A perda dese nivel enerxético de vida terá repercusións psicosociais dun alcance imprevisible que poden mesmo levar á desintegración das nosas sociedades.

Que futuro cabe esperar na esquerda a partir da morte do Estado de Benestar e co colapso que acarreará a vertixinosa queda na enerxía neta dispoñible a nivel mundial derivada do rápido esgotamento das fontes enerxéticas fósiles de alta Taxa de Retorno Enerxético?

É este carácter difuso e incompleto da percepción do problema civilizatorio que se agocha tras dos aspectos máis doadamente perceptibles da crise, o que facilita que se pense na continuidade da validez das teorías convencionais na esquerda, que alenta que se formulen cousas coma un keynesianismo verde ou un Green New Deal, fomentadas pola maioría da intelectualidade e do mundo académico de esquerdas.

Entrementres, nós andamos a rifar no interior dos edificios por ver cal debería ser o plano que se utilizase para a construción do seguinte andar deste ou daquel outro predio ou para ver como mellor reformarmos os seus habitáculos, sen sermos conscientes de que a construción enteira, xunto coa cidade na que se asenta, está a afundir sen remedio e ameaza con enterrar baixo un monte de cascallos os nosos planos e a todos nós con eles.

Achámonos nunha situación de inédita gravidade pois malia estarmos a vivir unha situación crítica e sen precedentes (…) nas bases (…) que marcan os límites da nosa existencia como especie neste planeta, non se están a ter en conta nin as súas consecuencias nin a súa mera existencia dentro do pensamento político maioritario, nomeadamente na esquerda, que é onde moitos depositamos as nosas esperanzas de transformación social.

Citas en modo gráfico

Cita de 'A Esquerda ante o colapso da civilización industrial', de Manuel Casal Lodeiro

Cita de 'A Esquerda ante o colapso da civilización industrial', de Manuel Casal Lodeiro

Cita de 'A Esquerda ante o colapso da civilización industrial', de Manuel Casal Lodeiro

Cita de 'A Esquerda ante o colapso da civilización industrial', de Manuel Casal Lodeiro

Cita de 'A Esquerda ante o colapso da civilización industrial', de Manuel Casal Lodeiro